VOCES EN FEMININO
E O QUE MAIS ME DOE SON AS DATAS
A Kosovo 1999
E o que mais me doe son as datas,
recordalas coma un fusilamento,
recordalas
con sangue desta guerra e tantas outras.
E non abonda dicir
¡que fermoso día!
Nin unhas lentes escuras
evadirán as caras dos necios.
Xa ninguén se coñece polas rúas.
O que menos e o que mais,
vai falando dos seus mortos.
Xa ninguén sabe exactamente
a que anaco de mundo pertence.
Aquí a paz nos baila entre fusís.
E dóesme palabra malferida
porque aínda camiño sobre sangue.
Esperto entre novas obrigadas
e cada vez mais torpes.
Dóeme esta forma pasiva dos ollos
ante unha destrución que non comprendo.
Porque é alí, agora,
onde a Terra é un cadáver que fala só.
É alí, neste instante,
mentres estou a vestirme de domingo,
onde unha man se engana
e hai cen mortes.
E non me asusta ese zapato bocaaberto
quitándose metralla de entre os dentes.
Asústame o home.
Pepa Nieto